mércores, 11 de xaneiro de 2023

Bendito azar

Hoxe cúmprense 21 anos do noso casamento e escollín para cantar o tema "Es caprichoso el azar" do noso admirado Serrat a quen, ademais, hai ben pouco tempo que lla oímos cantar en directo pois non podiamos faltar no seu concerto despedida.

Escollín esa canción porque foi o azar quen nos uniu e reuniu. 

Foi unha bendita casualidade que coincidiramos e axiña descubrimos que estabamos moi a gusto un co outro e non tardamos en darnos conta de que o estarmos xuntos xa era unha necesidade e decidimos crear un proxecto de vida en común que hoxe segue cos nosos 3 fillos e na que, por fortuna, seguimos tan namorados como entón, ou seguramente máis aínda.

Estes 21 anos pasaron con rapidez, seguramente demasiada. Semella que hai pouco que tiñamos que bregar e traballar arreo con 3 nenos e hoxe xa son ben mozos, e estamos desexando ver como encauzan as súas propias vidas. 

Foi este un tempo feliz de sermos compañeiros, socios, cómplices, ... 

Imos a por outros tantos sen dubidalo porque temos a sorte de seguir disfrutando da mutua compañía máis que da de ningunha outra persoa.

Porque, parafraseando o que di o gran Joan Manuel nesta canción, 

non nos buscamos... pero, sen sabelo, levabamos toda a vida agardándonos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Moraima

Para celebrar este ano o día das nosas letras teño escollido un poema dun dos meus poetas favoritos, Celso Emilio Ferreiro. É un poema de am...