Estivo de cumpre o meu amoriño pequeno, o noso Xurxiño, e no seu día subín ao Youtube o vídeo coa canción que lle cantei pero ata agora non tivera tempo de escribir a entrada para o blogue, eu sei que el mo vai perdoar.
E tamén sabe el que o meu amoriño é seu pai, Xurxo, e que el sempre será, por muitos anos que cumpra, o noso Xurxiño e igualmente por sempre, o meu amoriño pequeno.
Por moitas razóns pero abonda unha, o gran corazón que tes, meu sol, que fai que sexa un tremendo agasallo para calquera poder contar contigo.
Sempre tiveches nobreza e iso hónrache, e desexo con todo o meu amor de nai que atopes boas persoas no teu camiño que te saiban valorar e que che aporten cousas boas porque hoxe o mundo máis ben dá medo e os que imos pola vida como nos educaron os vosos avós e nós quixemos educarvos a vós, coa verdade e a honestidade por bandeira, temos, por desgraza, que sufrir a cotío decepcións e eu quixera, nós quixeramos, que este mundo actual, demasiado insensíbel e cheo de mentiras, che ofrecera a súa mellor cara.
Nunha palabra, queremos para ti a maior felicidade pero vouche deixar un texto do mestre Saramago para que reflexiones sobre o que, na miña humilde opinión, son unhas sabias palabras.
E, como non, tamén de agasallo unha canción.
Parabéns para ti, meu nenochiño!!

Ningún comentario:
Publicar un comentario