xoves, 7 de xullo de 2022

En memoria de Carmen

En memoria de Carmen Mª Castiñeira Trillo.
Inicio este blogue cunha canción moi especial para min. Como especial era a persoa para quen a  compuxen. 
É unha composición propia en letra e música que fixen en memoria dunha boa e moi querida amiga. E non só iso, boa compañeira de moitas horas de música e canto. Lembro con claridade o seu riso e a súa mirada de persoa nobre. 
Era unha boa moza e non me cabe dúbida de que tería sido unha muller aínda mellor pero foise de súpeto con só 24 anos dun xeito absolutamente inxusto e deixándonos profundamente tristes.
Pouco despois compuxen para ela esta canción que titulei "É tan difícil" pensando en que certamente é moi difícil... porque querela foi moi doado.
E na nosa igrexa parroquial de Corcubión, na que cantamos xuntas tantos e tantos anos, tantos e tantísimos domingos, dito sexa de paso, sempre de balde, e baixo a doce mirada de San  Marquiños, cantei por vez primeira esta canción un ano despois da súa morte na eucaristía que organizaron os seus pais para celebrar a súa vida.
Os seus pais, que foron tan inmensamente xenerosos e, na miña opinión, dignos de admiración, como para espallar vida coa de Carmen a pesar do durísimo golpe que recibiron completamente por sorpresa. Deron en doazón a súa querida filla, non só os seus órganos senón todo canto puidera ser de utilidade para calquera outro ser humano. Aportou a este mundo, mesmo máis alá da morte.
Tardei moitos anos en ser quen de poder cantar de novo en público esta canción e agora que ás veces si que o fago, continúo a facelo pensando nela e hoxe, por ser día 7 quero dar vida a este blogue de cancións coa que eu creei para ela, que se nos foi un día 7 de Abril de 2006.
Lamentablemente o seu pai vén de falecer recentemente pero dende aquí unha forte aperta á súa nai e ao seu irmán. Que saiban que, os que queriamos a Carmen, continuamos a facelo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Moraima

Para celebrar este ano o día das nosas letras teño escollido un poema dun dos meus poetas favoritos, Celso Emilio Ferreiro. É un poema de am...