Con este luns remataron as festas na honra da Nosa Señora da Barca no seu Santuario en Muxía.
Foron 9 días de novena e 3 de misas solemnes, o sábado, o domingo, día grande en que a celebración se leva a cabo no exterior do Santuario e o luns, día que, como din os muxiáns e muxianas, "é para nós" e no que xentes de todas as parroquias do concello enchen o Santuario coas súas mellores galas, entoan con devoción o himno á Virxe e lánzanlle vítores á imaxe pequeniña que agora non loce coroa de prata, como escribira Lorca no seu poema, senón unha fermosa coroa de ouro, cumpríndose este ano o 75 aniversario da súa coroación canónica.
A Coral Polifónica "Virxe da Barca" de Muxía acompañou... acompañamos... outro ano máis todas estas celebracións. Outro ano máis... e van alá 25, e parece que foi onte. Cantos anos sentíndome moi honrada de dirixir esta Coral e de saber que máis que compañeiros e compañeiras son unha extensión da miña familia.
Para este singular e persoal aniversario veño de crear un vídeo co audio dunha canción que interpretei no Santuario xa hai uns meses, ofrecéndolla á Virxe como hoxe fago aquí e que íntimamente adiquei entón e adico agora ás dúas Marías da miña vida que moito quero, a miña nai, que por desgraza xa non temos connosco e a miña filla máis vella.
Tomei prestada a letra dunha canción de Cesáreo Gabaraín, prolífico compositor, para facer unha versión libre en galego e a música é da miña autoría.
Que a Virxe da Barca nos protexa e nos deixe chegar a celebrala con saúde no vindeiro ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario