sábado, 26 de novembro de 2022

Desde mi libertad

 25 de novembro. Día pola Eliminación da Violencia de Xénero.

    O 25 de novembro de 1960 na República Dominicana as irmás Mirabal, Patria, Minerva e Mª Teresa, que loitaban pola liberdade política no seu país, foron asasinadas por orde do ditador Rafael Trujillo.

    O 17 de decembro de 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 25 de novembro como Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller.

     A ONU convidou a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gubernamentais a organizar actividades dirixidas a sensibilizar á poboación en xeral no tocante a este problema.

    A violencia de xénero é unha forma moi dura de discriminación pero o peor é que mesmo pode chegar a matar, a facer que unha muller ou unha nena falten na súa casa, na súa familia, pola mera circunstancia do seu xénero, por un acto machista.

    As mulleres debemos ter a liberdade para poder saír, entrar, pasear, festexar, opinar, ... sen que ninguén crea que pode reprimirnos, guiarnos, gobernarnos ou diretamente eliminarnos.

    A canción que gravei para esta ocasión é "Desde mi libertad" nunha versión en castelán que preparou Víctor Manuel para ser cantada pola súa muller, Ana Belén, e que chegou a facela  moi coñecida. E tomando prestada a letra vaia dende aquí o meu desexo de que todas as mulleres levanten o voo aínda que ninguén lles ensinara a voar.

    Quero dicir tamén que graveina tendo no pensamento á miña querida Carmen non só porque a ela lle gustaba moito esta canción que ademais, por certo, foi das últimas cancións que gravamos xuntas, senón tamén porque sei que hoxe ela sumaría a súa voz a de todas as mulleres que reclamamos os nosos dereitos e un futuro digno e mellor para todas.

    Querémonos vivas e libres!!

Se premedes na imaxe das irmás Mirabal abrirase unha nova xanela para coñecer máis sobre elas.


 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Moraima

Para celebrar este ano o día das nosas letras teño escollido un poema dun dos meus poetas favoritos, Celso Emilio Ferreiro. É un poema de am...