martes, 16 de maio de 2023

Moraima

Para celebrar este ano o día das nosas letras teño escollido un poema dun dos meus poetas favoritos, Celso Emilio Ferreiro.

É un poema de amor, un fermoso poema de amor que Celso Emilio adica á súa muller e que Suso Vaamonde musicou, na miña opinión, admirablemente. 

Creei o vídeo con imaxes de Celso Emilio e Moraima e o son coa miña gravación da canción, na que me gravei cantándoa a dúas voces. 

Esta quere ser a miña aportación á celebración da nosa lingua, da nosa literatura, da nosa cultura, ... reivindicando que teñamos a dignidade suficiente para cuidalas, agarimalas e atesouralas para que lle procuremos unha longa vida á nosa principal expresión como pobo.

Mil primaveras máis para a lingua galega!!



domingo, 7 de maio de 2023

O meu amoriño pequeno

     Estivo de cumpre o meu amoriño pequeno, o noso Xurxiño, e no seu día subín ao Youtube o vídeo coa canción que lle cantei pero ata agora non tivera tempo de escribir a entrada para o blogue, eu sei que el mo vai perdoar.

    E tamén sabe el que o meu amoriño é seu pai, Xurxo, e que el sempre será, por muitos anos que cumpra, o noso Xurxiño e igualmente por sempre, o meu amoriño pequeno. 

    Por moitas razóns pero abonda unha, o gran corazón que tes, meu sol, que fai que sexa un tremendo agasallo para calquera poder contar contigo. 

    Sempre tiveches nobreza e iso hónrache, e desexo con todo o meu amor de nai que atopes boas persoas no teu camiño que te saiban valorar e que che aporten cousas boas porque hoxe o mundo máis ben dá medo e os que imos pola vida como nos educaron os vosos avós e nós quixemos educarvos a vós, coa verdade e a honestidade por bandeira, temos, por desgraza, que sufrir a cotío decepcións e eu quixera, nós quixeramos, que este mundo actual, demasiado insensíbel e cheo de mentiras, che ofrecera a súa mellor cara. 

    Nunha palabra, queremos para ti a maior felicidade pero vouche deixar un texto do mestre Saramago para que reflexiones sobre o que, na miña humilde opinión, son unhas sabias palabras. 

    E, como non, tamén de agasallo unha canción.

    Parabéns para ti, meu nenochiño!!

     




mércores, 11 de xaneiro de 2023

Bendito azar

Hoxe cúmprense 21 anos do noso casamento e escollín para cantar o tema "Es caprichoso el azar" do noso admirado Serrat a quen, ademais, hai ben pouco tempo que lla oímos cantar en directo pois non podiamos faltar no seu concerto despedida.

Escollín esa canción porque foi o azar quen nos uniu e reuniu. 

Foi unha bendita casualidade que coincidiramos e axiña descubrimos que estabamos moi a gusto un co outro e non tardamos en darnos conta de que o estarmos xuntos xa era unha necesidade e decidimos crear un proxecto de vida en común que hoxe segue cos nosos 3 fillos e na que, por fortuna, seguimos tan namorados como entón, ou seguramente máis aínda.

Estes 21 anos pasaron con rapidez, seguramente demasiada. Semella que hai pouco que tiñamos que bregar e traballar arreo con 3 nenos e hoxe xa son ben mozos, e estamos desexando ver como encauzan as súas propias vidas. 

Foi este un tempo feliz de sermos compañeiros, socios, cómplices, ... 

Imos a por outros tantos sen dubidalo porque temos a sorte de seguir disfrutando da mutua compañía máis que da de ningunha outra persoa.

Porque, parafraseando o que di o gran Joan Manuel nesta canción, 

non nos buscamos... pero, sen sabelo, levabamos toda a vida agardándonos.





luns, 5 de decembro de 2022

Parabéns, meu amoriño!!


    Hoxe está de cumpre o meu mellor amigo, o meu compañeiro, o meu amoriño. E de agasallo prepareille este vídeo con algunhas imaxes de vida, da que tivo coa súa familia e da que temos xuntos coa familia que nós formamos.

    Celebro a túa vida e a túa persoa, a túa nobreza, a túa honestidade, a túa responsabilidade, o teu xeito de ser e estar, sempre do lado dos febles, sempre dialogante pero sempre reivindicativo contra a inxustiza, o traballador incansable que es e, sobre todo, o moito que me queres.

    Graciñas por existir, meu amoriño.



sábado, 26 de novembro de 2022

Desde mi libertad

 25 de novembro. Día pola Eliminación da Violencia de Xénero.

    O 25 de novembro de 1960 na República Dominicana as irmás Mirabal, Patria, Minerva e Mª Teresa, que loitaban pola liberdade política no seu país, foron asasinadas por orde do ditador Rafael Trujillo.

    O 17 de decembro de 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 25 de novembro como Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller.

     A ONU convidou a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gubernamentais a organizar actividades dirixidas a sensibilizar á poboación en xeral no tocante a este problema.

    A violencia de xénero é unha forma moi dura de discriminación pero o peor é que mesmo pode chegar a matar, a facer que unha muller ou unha nena falten na súa casa, na súa familia, pola mera circunstancia do seu xénero, por un acto machista.

    As mulleres debemos ter a liberdade para poder saír, entrar, pasear, festexar, opinar, ... sen que ninguén crea que pode reprimirnos, guiarnos, gobernarnos ou diretamente eliminarnos.

    A canción que gravei para esta ocasión é "Desde mi libertad" nunha versión en castelán que preparou Víctor Manuel para ser cantada pola súa muller, Ana Belén, e que chegou a facela  moi coñecida. E tomando prestada a letra vaia dende aquí o meu desexo de que todas as mulleres levanten o voo aínda que ninguén lles ensinara a voar.

    Quero dicir tamén que graveina tendo no pensamento á miña querida Carmen non só porque a ela lle gustaba moito esta canción que ademais, por certo, foi das últimas cancións que gravamos xuntas, senón tamén porque sei que hoxe ela sumaría a súa voz a de todas as mulleres que reclamamos os nosos dereitos e un futuro digno e mellor para todas.

    Querémonos vivas e libres!!

Se premedes na imaxe das irmás Mirabal abrirase unha nova xanela para coñecer máis sobre elas.


 



xoves, 10 de novembro de 2022

O meu irmán Manolo

Hoxe hai 6 anos que marchaches, media ducia de anos nos que xa non estás, xa non che temos.
Moitos meses xa, moitas semanas, ... 
Dóeme a túa ausencia pero sobre todo dóeme o teu sufrimento, o que a enfermidade che fixo padecer.
 Agora descansas pero debes saber que segues aquí... estás... témosche... no corazón, na alma, no pensamento, sempre connosco porque os que che quixemos, ímosche querer sempre. 
 Espero para ti, como dixo Celso Emilio, o albor do novo día. 
 Manuel Francisco Vázquez Freire (1954-2016) 
 Que o ventiño mareiro te arrole, meu irmán.

domingo, 9 de outubro de 2022

A Virxe do Rosario

      O pasado día 7 foi a celebración da Virxe do Rosario, Patroa, por certo, da Coruña, e decidín subir un novo vídeo cunha canción que interpretei xunto coa miña filla máis vella, María, na Igrexa Parroquial de San Pedro de Redonda (Corcubión) na misa que anualmente fan na honra desta Virxe e que alí fan coincidir cun domingo polo que a celebración xa foi o pasado día 2.
     Quero aproveitar para agradecer as moitas felicitacións que recibín, mil grazas por adicar un tempo a pensar en min e facerme chegar o voso agarimo.
     Non podo deixar de comentar que esta igrexa parroquial de San Pedro está nun enclave fermosísimo, nun lugar un tanto recóndito da localidade de Redonda onde se respira paz e natureza e dende onde se contempla, ademais, unha estupenda vista do Cabo Fisterra e a Ría de Corcubión.
      Se non o coñecedes, recoméndovos un paseo ata Redonda e a súa igrexa, paga a pena.
     A canción xa ten moitos anos e trátase dunha versión que fixen ao galego dunha letra orixinal de Gabaraín e cunha composición miña en canto á música.



Moraima

Para celebrar este ano o día das nosas letras teño escollido un poema dun dos meus poetas favoritos, Celso Emilio Ferreiro. É un poema de am...